Un campamento de traballo no Castro Lupario

0

Rois, 12 de agosto do 2021 – Un campamento de traballo no que participan once mozos intenta estes días saber un pouco máis do Castro Lupario en Rois.

A Directora Xeral de Xuventude, Cristina Pichel Toimil, abriu a primeira xornada de traballo no Castro Lupario, acompaña polo alcalde de Rois, Ramón Tojo. Os voluntarios, de entre 18 e 30 anos, traballaran na zona ata o 21 de este mes.

Supervisados por unha directora de campo, dous arqueólogos e dous monitores, as principais tarefas que desenvolverán os voluntarios no Castro Lupario serán o estudo de restos e de limpeza na parte exterior da muralla, sobre todo na zona sur, coa idea de identificar cal era a forma que tiña. En este lugar a lenda sitúa o castelo da Raíña Lupa.

O alcalde, Ramón Tojo, mostrou a súa alegría polo comezo do campamento “A mocidade é o futuro e nós estamos moi contentos e agradecémoslles de corazón a estas rapazas e rapaces que queiran vir a Rois para que poidamos poñer en valor este castro, ademais de recuperar restos e evitar que se espolien. É tamén unha forma de facer que os peregrinos e os visitantes queiran coñecelo e paren aquí”.

Tojo lembrou que o proxecto Castro Lupario quedou paralizado pola Covid o ano pasado e gabou a experiencia dos campamentos internacionais que tiveron lugar en edicións anteriores “xa non só polo seu interese patrimonial, senón tamén polo humano. Hai un rapaz francés que nos escribe todos os anos e nunca esquecerei un mozo ruso ao que levamos por primeira vez a ver o mar. Estes intercambios tamén serven para coñecer outras latitudes e circunstancias”.

Na visita ao campamento, Cristina Pichel e Ramón Tojo estiveron acompañados polos concelleiros Manuel dos Santos e Manuel Cobas, ademais de por un grupo de veciños de Angueira de Castro que non quixeron deixar pasar a oportunidade de ofrecerse a colaborar cos voluntarios e voluntarias en todo aquilo que poidan precisar durante a súa estancia en Rois.

Campamento nacional

A presenza dunha moza de Sevilla entre unha gran maioría de integrantes galegos marca  neste campo de Castro Lupario a volta dos intercambios nacionais, logo dos peches perimetrais entre comunidades do ano pasado.

Nos dez días que dura o campamento, os voluntarios terán a oportunidade de coñecer o municipio e a súa contorna cun amplo abano de actividades complementarias que os levarán a Santiago, á casa museo de Rosalía ou á Fundación Camilo José Cela, ademais de participar en obradoiros e actividades lúdicas. Dentro do Concello, farán rutas de sendeirismo e visitarán a praia fluvial de Seira ou o pazo do Faramello.

Como primeira misión, voluntarias e voluntarios tiveron que intentar identificar os restos dunha igrexa dentro do perímetro do castro. Era a de San Antonio, localizada na carballeira e que estivo en pé polo menos ata o século XVII. Dende cando é unha das moitas incógnitas que aínda quedan por resolver sobre o Castro Lupario. O que si sabemos, segundo contou o arqueólogo David Fernández Abella, é que ten polo menos 2000 anos e estaba habitado nos comezos do cristianismo.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies
Social media & sharing icons powered by UltimatelySocial