Brión, 16 de febreiro do 2021 – Día axetreado para o GES de Brión con dúas saídas para apagar un incendio en Teo e despexar unha vía pola caída dun poste de teléfono.
O Grupo de Emerxencias Supramunicipal de Brión colaborou na extinción dun lume industrial no municipio de Teo, producido nunha fábrica de rótulos ás 9:43 horas. Chegados ao lugar do lume na Bomba Urbana Lixeira, os efectivos do GES sumáronse aos do GES da Estrada que, en colaboración coa Garda Civil e Protección Civil de Teo, xa estaban traballando na extinción do lume.

A actuación do GES de Brión consistiu en apagar o lume e proceder a arrefriar a contorna para despois proceder a ventilar toda a instancia, que tiña unha forte carga de fume producida pola combustión dos plásticos existentes na fábrica. Só se produciron danos materiais.
Caída dun poste
Por outra banda o GES recibiu unha chamada do 112 pola caída dun poste de teléfono no lugar de Goians. Os efectivos desprazáronse ata o lugar acompañados pola policía local. Debido á inestabilidade do poste, en mal estado de conservación, e o risco que podería supoñer para os usuarios da estrada, os operarios decidiron retiralo e asegurar o cableado, pasando aviso á empresa encargada do mantemento para que proceda á substitución do poste o antes posible.
