Unanimidade en Ames para marcar o rumbo ata o 2023

0

Ames, 2 de agosto do 2021 – O Pleno Municipal de Ames aprobou por unanimidade o Plan Ames progresa 2021-2023 que marcará o rumbo do concello ata as vindeiras eleccións municipais.

Ames progresa debuxa un plan de choque que ten que como obxectivo principal reactivar a economía do concello. O pleno ordinario aprobou tamén dous suplementos de crédito que financiarán o rumbo do Plan.

O Pleno aprobou a modificación do anexo de persoal do Orzamento municipal para o 2021, a Ordenanza fiscal nº 2.1 reguladora do IBI e o nomeamento da secretaria da Comisión do Ciclo Integral da Auga. Igualmente saíu adiante a proposta que presentou o grupo do Partido Popular en apoio ao Xacobeo.

Cinco millóns de euros

O Plan Ames Progresa buscar impulsar, reforzar, dinamizar e reactivar o sector do comercio, da cultura, da hostalaría, o patrimonio municipal e o emprego público. O orzamento deste ambicioso plan ascende a 5.756.681,26 euros, un forte investimento económico derivado do aforro dos últimos mandatos municipais. 4.725.062 vanse inxectar en investimentos públicos, 555.000 vanse destinar a reactivar a cultura, o comercio e a hostalaría, 255.000  para o patrimonio municipal e 221.618 en reforzar o emprego público.

Segundo o alcalde de Ames, Blas García, o plan foi presentado a toda a Corporación municipal pois quere que este plan de choque sexa un programa de todos e non un plan do Goberno “gustaríame trasladarlle á cidadanía que cando hai temas importantes e que benefician á veciñanza de Ames somos capaces de poñernos de acordo”.

José Ramón Oulego, de Ciudadanos, recoñeceu que “é loable que o goberno traia a aprobación deste plan ao pleno cando xuridicamente non é necesario” e engadiu que “Ciudadanos sempre vai apoiar as medidas que beneficien á cidadanía”.

Quique Costas, de Ames Novo, manifestou “esta acción do goberno é envexable e quero que a cidadanía saiba que cando de verdade hai problemas remamos todos na mesma dirección porque hai momentos en que a oposición está para axudar e non só para tirar das orellas”.

Oliva Agra, do Partido Popular de Ames, pola súa banda dixo que “hai momentos en que valemos máis polo que podemos facer xuntos que enfrontados” e engadiu “este non sería o noso plan pois o noso plan tería outras cousas pero o Goberno escoitounos e comprometeuse a facer cambios”.

Suplemento de crédito

O remanente de tesourería tras a aprobación destes dous suplementos de crédito segue a ser positivo e ascende a preto de dous millóns catro centos mil euros.

Modificación do anexo de investimentos do Orzamento municipal

A dotación de crédito necesario para a posta en marcha do Plan Ames Progresa obriga a modificar o anexo de investimentos do Orzamento municipal para o exercicio 2021. A modificación realizarase, por tanto, para incluír os proxectos derivados de dito plan.

Esta modificación, tamén, foi aprobada co voto favorable de todos os membros da Corporación municipal.

Aprobación da modificación do anexo de persoal

Tamén foi aprobada por unanimidade a modificación do anexo de persoal do Concello de Ames. Unha modificación que afecta tanto aos cadros de persoal laboral como ao do persoal funcionario.

As principais modificacións son a creación dun novo posto de adxunto/a á intervención, adscrito ao Departamento de Servizos Económicos e a creación, como consecuencia do fallo xudicial firme, dun novo posto con perfil técnico informático e clasificado no grupo profesional B.

Aprobación provisional da Ordenanza fiscal

Por outra banda, aprobouse inicialmente a Ordenanza fiscal n.º 2.1 reguladora do Imposto de Bens Inmobles. A nova ordenanza fiscal, elaborada pola concellaría de Economía e Facenda, facilita a comprensión da mesma cunha reestruturación do contido e articula dúas bonificacións potestativas adicionais. As novas bonificacións que inclúe a Ordenanza fiscal reguladora do IBI son a favor de inmobles destinados ao alugueiro con renda limitada e a favor de inmobles nos que se desenvolvan actividades de interese social, cultural ou histórico-artístico.

Os grupos da oposición mostráronse contrarios á aprobación deste punto pois entenden que as circunstancias de crise económica en que nos atopamos non son o mellor momento para subir impostos. A concelleira de Economía e Facenda, Genma Otero, defendeu que non se trata dunha suba senón dunha recuperación do tipo impositivo. Segundo a concelleira eles mesmos fixeran esa rebaixa para paliar o impacto dunha suba imposta polo goberno estatal. Finalmente, o punto saíu adiante cos votos a favor do grupo de goberno e os votos en contra dos grupos da oposición.

Comisión Ciclo Integral da Auga

Tamén foi aprobado por unanimidade o nomeamento de Mónica Gónzalez como secretaria da Comisión encargada de validar a memoria xustificativa da forma máis sostible e eficiente de xestión dos servizos do Ciclo Integral da Auga.

No pleno do mes de xuño aprobárase o inicio do expediente para determinar o modelo de xestión máis sostible e eficiente do servizo público municipal do Ciclo Integral da Auga do Concello de Ames, así como a creación dunha Comisión de estudo encargada de validar a memoria xustificativa da forma mais sostible e eficiente de xestión dos servizos de abastecemento de auga e saneamento e depuración de augas residuais.

A Comisión creada polo acordo plenario está formada polo alcalde de Ames, Blas García, por Ramón García Argibay en representación do Grupo Municipal PP, por David Santomil Mosquera  como voceiro do Grupo Municipal BNG, por Genma Otero Uhía como voceira do Grupo Municipal Contigo Podemos, por Enrique Costas Bastero ou José Ramón Oulego Erroz como representante do Grupo Mixto, por Esteban de la Fuente como técnico do Ciclo Integral da Auga, por Luisa Carlota Díaz como técnica da Secretaría e por Olga Castro como tesoureira.

Proposta Partido Popular

Por último, aprobouse a proposta do Grupo Popular de Ames en apoio ao Xacobeo 2021-2022. A proposta do Partido Popular engloba tres peticións: a realización por parte do Concello de Ames dunha programación extensa e descentralizada para este Xacobeo 2021-2022, a solicitude de apoio á celebración do Xacobeo 2021-2022 e, por último, o rexeitamento de campañas que vaian en contra do Xacobeo.

Este punto aprobouse cos votos a favor dos membros do Goberno municipal, dos concelleiros e concelleiras do Partido Popular e de José Ramón Oulego, de Ciudadanos. As concelleiras de Contigo Podemos e Quique Costas, de Ames Novo, abstivéronse.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies
Social media & sharing icons powered by UltimatelySocial