Compostela, 29 de maio do 2019 – Pasaron cen anos desde que tivo lugar o eclipse que demostrou por primeira vez unha das propostas da Teoría da relatividade de Einstein e a USC organiza unha charla sobre este feito referencial da física moderna.
As sete e media de esta tarde, no Centro ABANCA Obra Social, o profesor da Universidade de Santiago e investigador do Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE) José Edelstein ofrecerá unha conferencia sobre ese eclipse de sol e o que significou para o traballo de Einstein.
Newton versus Einstein
O 29 de maio de 1919 estaba previsto unha eclipse total de Sol que sería visible desde Brasil e África, segundo predicían as ecuacións de Isaac Newton. A súa lei da Gravitación Universal dominaba a física do momento, pero entraba en conflito coa Teoría da Relatividade Xeral de Albert Einstein, que propoñía que a luz desviaba a súa traxectoria ata o dobre ante a presenza dun obxecto moi masivo debido á curvatura do espazo. Ante a falta dunha evidencia experimental, o astrónomo británico Arthur Stanley Eddington liderou un experimento: utilizar a eclipse de 1919 para fotografar as estrelas que se atopaban ao redor do disco solar antes e durante o evento e así comprobar se se producía a deflexión ou desviación da súa luz ao pasar preto do Sol.
Grazas ao escurecemento do ceo durante a totalidade da eclipse, os dous equipos ingleses que formaron a expedición científica puideron comprobar meses despois, ao revelar as placas fotográficas, que a posición dalgunhas desas estrelas se alterara. A súa luz, no canto de viaxar en liña recta, desviouse lixeiramente ao pasar preto do campo gravitacional do Sol.
Nesta conferencia, José Edelstein relatará a historia de como Newton quedou eclipsado definitivamente por Einstein, quen se converteu na celebridade mundial que perdura xusto un século despois.