Silleda, 10 de novembro do 2020 – A rúa Chousa Grande da Bandeira, en Silleda, quedou sen unha parte do alumeado polo roubo do cable que xa tivera que ser reposto en outra ocasión.
O concello de Silleda comprobou que o cable fora roubado nun dos tramos deixando a escuras unha das marxes. Trátase do viario que conecta a Nacional 525 co lugar da Bandeira e a sustracción afectou tamén á rúa Esmorga.
É a segunda vez que o roubo do cable afecta a este tramo, onde no ano 2013 foi roubado todo o material, con preto de 1.000 metros subtraídos. Os danos valoráronse daquela en máis de 6.000 euros.
Agora, logo de que todo o cable fora reposto, a acción dos amigos do alleo volve deixar sen o servizo completo aos usuarios. “Lamentamos que unha vez máis este tramo se vexa afectado por un roubo”, indica o alcalde, que adiante que o servizo tratará de repoñerse en canto sexa posible.