O Observatorio Astronómico Ramón María Aller volve a levar a astronomía aos concellos

0

Bisbarra, 13 de xullo do 2021 – A USC a través do Observatorio Astronómico Ramón María Aller desenvolverá sesións de divulgación astronómica en 22 concellos galegos.

Ao longo dos meses de xullo, agosto e setembro o observatorio participa nas iniciativas ‘As estrelas do camiño’ e ‘Camiños de Estrelas’.

biblio-anxel-casal-astronomia-slide-7-novembre-2016_rA primeira delas enmárcase na programación ‘O teu xacobeo’. Neste caso, os profesores e expertos en Astronomía do Observatorio desprazaranse ás localidades de  Padrón, Teo, Lalín, Noia, Boqueixón (noite das Perseidas no Pico Sacro), Sanxenxo, O Barco de Valdeorras, Rianxo, Allariz, Santa Comba, O Grove, Monforte de Lemos, e Vedra. A primeira das sesións terá lugar o vindeiro 15 de xullo, ás 22.30 horas, no Miradoiro do Lapido en Padrón.

Cada actividade vai consistir nunha charla previa sobre cuestións astronómicas de interese para logo pasar ás observacións “tanto a  simple vista, de recoñecemento de constelacións, identificación do triángulo de verán e mesmo da Vía Láctea”, explica o director do Observatorio José Ángel Docobo. “Finalmente levaranse a cabo as observacións telescópicas con instrumental levado polo propio Observatorio. Neste caso, os planetas, estrelas dobres, nebulosas e cúmulos estelares serán o obxectivo principal, mesmo a Lúa se é o caso”, engade.

Durante as sesións, o público, que deberá respectar escrupulosamente as medidas sanitarias esixidas en cada concello, será informado sobre as características físicas de cada astro observado, mitoloxía e demais datos adicionais, coa finalidade de que a sesión sexa “non só un interesante encontro científico-cultural, senón unha forma tamén de pasalo ben dun xeito seguro nas nosas fermosas noites estivais”, matiza o profesor Docobo.

‘Camiños de estrelas’

Logo da sesión celebrada o pasado venres en Melide, o Observatorio dará pulo tamén a novas accións de divulgación en Portomarín, Sarria, Mondoñedo, Arzúa, Ribadeo, O Pino, Fisterra e Santiago de Compostela, todas elas dentro do programa ‘Camiños de estrelas’, organizado polo Consejo Jacobeo, a través da iniciativa e coordinación técnica de Turismo de Galicia, en cinco Comunidades Autónomas. Alén das nove sesións galegas, realizaranse accións de divulgación astronómica en Aragón (3 sesións), Asturias (2), Cantabria (3) e Castela e León (7).

A coordinación científica deste macro proxecto corre a cargo do profesor José Ángel Docobo, e conta coa colaboración da  Agrupación Astronómica de Burgos, Agrupación Astronómica Cántabra, Agrupación Astronómica de Huesca, Agrupación Astronómica Palentina, Asociación Cielos Despejados de Oviedo, Asociación Leonesa de Astronomía e a Sociedad Astronómica Asturiana OMEGA.

Se por razóns meteorolóxicas ou doutra índole, non se puidera facer unha sesión, esta adiaríase para outra data. Todas as actividades que se van realizar en Galicia correrán a cargo de José Ángel Docobo, Pedro Pablo Campo, María Brea, Jorge Gómez, e Luca Piccotti.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies
Social media & sharing icons powered by UltimatelySocial