A USC pon en marcha o  I Certame de Música Galega

0

Compostela, 1 de xuño do 2017 –  Co obxecto de promover a creatividade musical e dinamizar a diversificación de usos sociais da lingua galega entre a mocidade universitaria, a USC convoca o seu I Certame de Música Galega.

Organizada pola Facultade de Filoloxía en colaboración con Ciencias da Comunicación, Ciencias da Educación, Enfermería, Xeografía e Historia e Ciencias Económicas e Empresariais e o apoio do Servizo de Normalización Lingüística, esta acción artística e formativa articúlase en tres fases: un concurso, un festival e un obradoiro.

O I Certame de Música Galega premiará cancións compostas por formacións ou solistas de todos os xéneros musicais e estará dirixido a alumnado da USC con inquedanzas musicais e literarias. Os gañadores recibirán cadanseu diploma e premios de 1.000 (1º premio), 700 (2º) e 300 euros (3º premio). O prazo para presentar propostas, de calquera xénero musical pero sempre en lingua galega, está aberto ata o 22 de setembro.

Festival

As pezas musicais dos grupos finalistas do certame poderán escoitarse o 30 de outubro no teatro Principal de Santiago nun festival no que tocarán acompañados doutros grupos de traxectoria recoñecida na escena musical galega. O evento, no que se coñecerán os gañadores, conta coa colaboración do Concello de Santiago.

A iniciativa complétase cun obradoiro de Música Galega no que os grupos que actuaron como cabezas de cartel no festival asumirán a función de mentores, transmitindo a súa experiencia como músicos, letristas e compositores e orientando os integrantes das formacións nos inicios da súa carreira musical.

Aínda que o traballo de titorización se dirixirá de modo preferente aos premiados, está prevista a apertura desta xuntanza de traballo a todos os participantes no certame e ao estudantado da USC con inquedanzas musicais. O encontro terá lugar a comezos do mes de novembro en Ciencias da Comunicación, que conta con instalacións que permiten a gravación e reprodución musical.

Os detalles do I Certame de Música Galega explicáronos este mércores en rolda de prensa a decana de Filoloxía, Mª José López Couso; a presidenta da CNL desa facultade, María do Cebreiro Rábade Villar; Marta Pérez Pereiro, da CNL de Ciencias da Comunicación; e Isabel Vaquero Quintela, do Servizo de Normalización Lingüística da USC.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies
Social media & sharing icons powered by UltimatelySocial