A vacina da USC será máis completa e conservarase a temperatura ambiente

0

Compostela, 12 de xaneiro do 2021 – Investigadores do laboratorio CIQUS, da USC, avanzan nunha vacina contra a COVID-19 máis completa e que se conservará a temperatura ambiente.

Edificio CIQUS da USC

A investigación de esta vacina financiase co proxecto de micromecenazgo ‘Sumo Valor’. O equipo da USC, dirixido por José Martínez Costas, leva traballando desde o mes de abril con tecnoloxía propia. Tal e como explica o investigador “Podemos programar que células de calquera tipo constrúan microesferas de proteína e carguen dentro delas calquera proteína que nos interese, neste caso un antíxeno de Coronavirus. Estas microesferas teñen capacidade para estimular o sistema inmune”.

Probas en Madrid, Alemaña e Holanda

O equipo xa conseguiu dúas versións diferentes da vacina. En Madrid, no Centro de Investigación en Sanidad Animal (CISA-INIA), co que cooperan neste proxecto, realizaron as probas en animais de laboratorio. Asemade, levarán a cabo as probas de seguridade, eficacia e resposta a anticorpos en ratos, no HZI de Alemaña. Se todo sae ben, o seguinte paso será realizar os ensaios con macacos, en Holanda, no Centro de Investigación Biomédica sobre os Primates (BPRC). Posteriormente, porán en marcha os trámites necesarios para comezar os ensaios clínicos en humanos.

Sen efectos secundarios

Este sistema de vacina presenta moitas vantaxes fronte a outras xa desenvoltas ou que se están a desenvolver. “A vantaxe principal da nosa vacina radica en que non se prevé que teña efectos secundarios adversos, xa que está composta só de proteína. Ademais, é máis completa que as que xa se están a aplicar. Nós usamos tres proteínas diferentes, é dicir, que a vacina está deseñada para facer fronte a varias proteínas do SARS-CoV-2 e contra varios tipos de resposta de anticorpos. Ademais, será moi doada de producir, moi barata e moi estable, podendo conservarse a temperatura ambiente sen que se alteren as súas propiedades”, asegura o científico da USC.

“Cantas máis vacinas haxa, moito mellor. Non sabemos se as primeiras que xa saíron ao mercado van ser as mellores. O que si está claro é que cantas máis maneiras haxa de atacar ao virus, máis esperanzador será o futuro. Os resultados que obteñan outros laboratorios non inflúen no noso traballo porque a nosa metodoloxía é diferente. Nós buscamos unha vacina segura e que funcione”, explica Martínez Costas.

A tecnoloxía desenvolta polos investigadores da USC ten moitas aplicacións, tanto en vacinas como no tratamento do cancro. De feito, xa foi probada con outros dous virus, o da lingua azul e o da peste equina africana, con bos resultados. O equipo traballou con mostras de pacientes afectados por coronavirus do Hospital Universitario Lucus Augusti de Lugo (Hula) para comprobar se as probas realizadas en ratos estaban ben feitas. Unha vez obtidos os resultados das probas en ratos en Alemaña, determinarase se a vacina funciona ben, o que marcará o seu futuro, de cara ao ensaio preclínico en macacos e finalmente o ensaio clínico en humanos.

Doazóns

‘Sumo Valor é unha iniciativa da Vicerreitoría de Planificación, Tecnoloxías e Sustentabilidade da USC co apoio do Consello Social. Unha das liñas deste programa céntrase na loita contra a COVID-19, a través do apoio a investigacións de diferentes áreas de coñecemento que contribúan a combater e paliar os efectos da pandemia na sociedade. Empresas e particulares poden apoiar estas investigacións vencelladas ao SARS-CoV-2 mediante microdoazóns por valor non superior aos 3.000 euros, xa sexa unha cantidade monetaria ou un ben. As doazóns poden realizarse a través da páxina web do programa.

O de Martínez Costas é un dos dez proxectos que o Instituto de Salud Carlos III financia en España para obter unha vacina contra o coronavirus. Ademais, recibiu apoio da Conferencia de Rectores de las Universidades Españolas (CRUE), do Banco Santander, do CSIC e da Comisión Europea, neste último caso para a realización das probas preclínicas en animais.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies
Social media & sharing icons powered by UltimatelySocial