VanGal, música tradicional e renovación no Museo do Pobo Galego

0

Compostela, 21 de outubro do 2020 – O Museo do Pobo Galego ven de presentar VanGal, un evento que combina actuacións musicais e exposicións individuais en torno á renovación da música tradiconal.

Unha das propostas máis interesantes de VanGal serán as conversas co público que manterá cada artista como complemento ao concerto. As entradas para estas charlas, de aforo limitado, e para as actuacións de MounQup, Faia e Laura LaMontagne e PicoAmperio están esgotadas desde esta fin de semana. O concerto de Teresa Ferreiro aínda dispón dalgunhas entradas para mercar a través da páxina do Museo do Pobo na plataforma Vivetix.

Programación e datas

Vangal terá lugar do 6 ao 8 de novembro. O evento, organizado polo Museo do Pobo Galego e o colectivo Ruido de Fondo, combinará concertos na Igrexa de San Domingos de Bonaval e exposicións individuais en diferentes espazos do museo, nas que as diferentes artistas amosarán as súas inquietudes fóra do terreo puramente musical.

MounQup

O ciclo comezará o venres 6 de novembro pola tarde con MounQup, o proxecto de Camille Hèdouin, francesa de nacemento con orixes franco-colombianas e costarricenses, pero galega de adopción. Na actualidade, esta artesá do son compón nunha aldea do concello d’A Bola, rodeada da súa familia e experimentando no musical con materiais que atopa no seu entorno. Coa electrónica como base, recolle influencias dos ritmos africanos, o jazz e a experimentación industrial nórdica, artellando un collage de texturas, formas e cores que dan como resultado a paisaxe sonora de MounQup, combinada tamén coa variedade na súa lírica, onde utiliza o inglés, o francés e o galego. Na súa participación no ciclo Vangal traerá o seu directo á igrexa de Bonaval, pero tamén nos sorprenderá cunha exposición sobre a conexión entre os pobos galegos, a natureza e as representacións femininas positivas, que relacionan as influencias (do pasado) ca súa presente visión de Galicia.

Faia

Á parte de cantar (en solitario, en De Vacas ou no Coro Encaixe), Faia ten formación en historia da arte, etnomusicoloxía e patrimonio, e nas súas creacións este factor é importante. En 2019 publicou o seu primeiro disco, Ao cabo leirín, un traballo de investigación arredor das músicas de tradición oral, das mulleres que as cantan e das súas historias. No ciclo VanGal, Faia complementará a súa actuación cunha mostra que parte desa historia que non está escrita e que tamén se garda en espazos como o Museo do Pobo Galego. Aproveitando os materiais e rexistros sonoros que custodia o APOI (Arquivo do Patrimonio Oral da Identidade do MPG) rescataremos gravacións que son anacos de identidade colectiva: memoria compartida, lírica fragmentada, un patrimonio fráxil. Na súa intervención artística, Faia poñerá estas cancións en diálogo co espazo expositivo, para dar pé á posterior conversa. Un xogo que lle servirá para poñer o uso do patrimonio oral e inmaterial en relación co seu traballo creativo.

Teresa FerreiroNada en Santiago de Compostela en 1989, Teresa Ferreiro Peleteiro é artista visual, investigadora cultural e DJ. A súa proposta musical levaranos pola música latina, o house, a música tradicional galega e o tecno máis escuro e experimental. Na súa exposición, a artista mostra unha colección de obras creadas nos últimos cinco anos e unha serie de pezas realizada expresamente para o Museo do Pobo Galego a partir dos debuxos e cadros dos álbums Galicia Mártir e Atila en Galicia de Castelao. O seu estilo destaca pola viveza na expresión do movemento e o uso da cor, dun xeito que lembra ao anime. A presentación do seu traballo será en forma de entrevista conducida polo xornalista Marcos Gendre, na que abordará as súas creacións e o seu traballo académico, que aborda a banda deseñada desde os estudos de xénero.

LaMontagne e PicoAmperio

O domingo 8 de novembro, o ciclo VanGal remata con Laura LaMontagne e PicoAmperio, que propoñen no seu proxecto unha combinación insólita de campos musicais ben diferentes, como son a tradición lírica da canción galego-portuguesa, os ritmos electrónicos e os ambientes íntimos que saen das superposicións vocais e os loops, mesturando tamén las letras a poesía propia con adaptacións de Rosalía de Castro, Lorca, Pessoa ou Martín Codax. Dentro da súa faceta máis experimental poderemos coñecer a proposta artística que presentan para o ciclo, un simulador de conexións C3C (Comunicador de 3 Campos). A través deste dispositivo herdeiro das primeiras experiencias de radiodifusión queren incitar nas persoas visitantes unha reflexión sobre o feito das comunicacións e as interconexións que existen entre culturas e formas de expresión, dando pé a bucles de sons e músicas que se mesturan e que o público poderá modificar.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies
Social media & sharing icons powered by UltimatelySocial