Volven as Festas da Ascensión coa saúde como prioridade

0

Compostela, 6 de maio do 2021 – Despois da suspensión do 2020 volven as Festas da Ascensión coa saúde e a seguridade como prioridade absoluta.

Do 13 ao 16 de maio Compostela recupera a súa celebración máis local. Cun cartaz inspirado nunha antiga atracción das feiras aínda que este ano tampouco se poderá gozar delas.

O Obradoiro como eixe central

As prazas de Compostela recuperarán a actividade con concertos e pasarrúas. A praza do Obradoiro será o escenario dos catro principais concertos, todos de balde, que arrancan o xoves 13 con Andrés Suárez, Cepeda e Sidecar (e algunha sorpresa), dentro do programa “Concertos únicos Dial Santiago”.

O venres 14 será o turno das galegas De Vacas, ás que seguirán no escenario o sábado 15 María Arnal e Marcel Bagés. O dúo de orixe catalá presentará neste concerto, promovido por Estrella Galicia, o seu último e esperado traballo, Clamor, tras pechar cun dobrete de entradas esgotadas en Madrid a serie de pre-estreos do álbum.

O ciclo remata o domingo 16 coa actuación da Banda Municipal de Música baixo o título “Unha noite de amor con Lela”. Todos os concertos serán ás 20.00 horas, agás o da banda, que se adianta ás 19.30 h. O aforo da praza do Obradoiro non superará as 700 persoas e será preciso a retirada previa de convite no despacho de billetes do Teatro Principal.

A praza da Quintana será outro dos escenarios destas Festas da Ascensión. Nela danzarán as comparsas de Cabezudos a partir das 12 h do xoves 13 (nesta ocasión non hai percorrido polas rúas); así como o grupo Brincadeira, acompañado pola Banda Municipal, o mesmo día ás 19.30 h.

O domingo 16 ás 12.00 h será o turno para a actuación dos grupos de baile tradicional Cantigas e Agarimos, Colexiata de Sar, Brincadeira e Ultreia. A entrada para todas elas será libre ata completar o aforo, que non poderá superar as 400 persoas.

Actividades para os máis pequenos

O programa da Ascensión recolle tamén actividades pensadas para os máis pequenos da casa: o espectáculo Dona Barriga Verde, o xoves 13 no Teatro Principal; e tres na Alameda o venres, sábado e domingo: “A Gran Viaxe”, “Rojo” e “A Corda”. Para todos eles será preciso retirar convite.

O programa complétase con danza, teatro, paseos guiados pola Compostela de Xela Arias ou Emilia Pardo Bazán, alboradas e o xa clásico Torneo da Chave, que chega neste 2021 ás súa XLIV edición.

O Cartaz

Este ano o cartel rememora unha antiga atracción de feira que estaba presente nas festas: “A sorte do paxariño”. Segundo indicou o concelleiro de Festas, Gonzalo Muíños, este saía da gaiola a petición dos veciños e collía un papeliño cunha mensaxe de boa ventura. “Agardamos que esta Ascensión veña chea de bos desexos”, indicou o edil “e que sexa a última que se celebra nestas condicións de pandemia” porque a intención é recuperar formatos como “a festa dos maiores ou a feira cabalar”, que este ano non se puideron incluir. Gonzalo Muiños fixo fincapé na intención do concello de non renunciar “a seguir facendo actividades, aínda que sexa con pequenos aforos” e seguir apostando polas festas e a cultura, “de xeito seguro”.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies
Social media & sharing icons powered by UltimatelySocial