Volven os concertos e o teatro a Brión

0

Brión, 27 de febreiro do 2021 –  O Concello de Brión, en colaboración coa Rede Cultural da Deputación da Coruña, retoma a súa programación cultural no mes de marzo que comeza este luns.

Brión programará  tres sesións de teatro profesional e tres concertos que terán lugar sempre que a evolución da pandemia da Covid-19 e as autoridades sanitarias así o permitan. Seis actuacións gratuítas para as que será preciso reservar localidade chamando ao 981 50 99 08. Os protocolos obrigan a limitar o número de asistentes e os veciños do concello terán prioridade.

A programación teatral inclúe tres actuacións no centro social polivalente que terán lugar os sábados 6, 13 e 20 de marzo, ás 20:00 horas. Inversa Teatro abrirá o telón o sábado 6 de marzo coa súa obra “Té con Kant”, un espectáculo escrito e dirixido por María Caparrini e Marta Pérez, que tamén interpreta a obra canda María Roja. Trátase dun proxecto experimental que conxuga o ensaio filosófico e a creación escénica xogando co humor e a ironía para conseguir unha función próxima ao formato de teatro didáctico.

O sábado 13 de marzo será a quenda de Teatro da Ramboia, que porá en escena “O meu mundo non é deste reino”, peza gañadora do primeiro certame Manuel María de Proxectos Teatrais. Trátase dunha adaptación da “Farsa de Buluú”, de Manuel María, que está dirixida por María Peinado e supón unha parodia da ditadura franquista da man dos actores Anxo García e Fran Lareu.

Finalmente, o sábado 20 de marzo Ibuprofeno Teatro porá o peche a este ciclo teatral coa súa obra “O mel non caduca”, unha comedia dirixida por Santiago Cortegoso con Marián Bañobre e Avelino González como protagonistas. A obra xira arredor do cambio climático, a degradación do planeta e a relación do ser humano cos obxectos, especialmente aqueles con obsolescencia programada.

Fin de semana musical

E a derradeira fin de semana de marzo terán lugar os tres concertos programados polo Concello de Brión. Serán no pavillón polideportivo municipal, ás 19:00 horas. A Banda da Loba abrirá o cartel o venres 26 de marzo, presentando en Brión o seu último traballo “Fábrica de luz”, unha homenaxe en torno á figura da nai entendida nun sentido amplo, é dicir, a lingua, a terra e a propia muller.

O sábado 27 de marzo é a quenda de Leilía, co seu espectáculo “CantarElas 2020”.  Trátase dun concerto que fai un repaso polos temas máis emblemáticos dos máis de trinta anos deste grupo de mulleres. Finalmente, o domingo 28 de marzo, Pelepau pechará este ciclo de concertos presentando o seu último traballo: “Na beira”. Un espectáculo interactivo e dinámico a través destes once percusionistas procedentes da cidade de Vigo.

As persoas que asistan deberán utilizar máscara durante todo o espectáculo, respectar a distancia de seguridade, utilizar os dispensadores de hidroxel á entrada do concerto e manterse sentada na súa butaca ata que remate o espectáculo e as persoas responsables da organización lle indiquen por onde abandonar o recinto.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies
Social media & sharing icons powered by UltimatelySocial