Meaño, Rianxo e Ribadavia gañan o X Certame de Bandas (Galeria de Imaxes)

0

Ao longo de toda a fin de semana as bandas participaron na competición no Auditorio de Galicia. Os concertos foron retransmitidos vía streaming.

Santiago de Compostela, 28 de novembro do 2016 – Ao longo da fin de semana celebrouse no Auditorio de Galicia o X Certame de Bandas. As Bandas de música participaron interpretando pezas obrigatorias e outras de libre elección. A competición divídese por número de compoñentes sendo a sección terceira a de ata 50 músicos, a segunda de 51 a 70 compoñentes e a primeira a de máis de 70. O evento foi organizado pola Federación Galega de Bandas de Música Popular (FGBMP), co apoio económico da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, a través de AGADIC, e a colaboración do Concello de Santiago de Compostela e a CRTVG no Auditorio de Galicia.

Seccións primeira e segunda
Banda de Meaño

Banda de Meaño

A Unión Musical de Meaño proclamouse gañadora da sección primeira  (bandas de máis de 70 músicos) do X Certame Galego de Bandas de Música. Mentres que a Banda da Escola de Música de Rianxo impúxose na sección segunda (bandas de 51 a 70 compoñentes). A Unión Musical, dirixida por Diego Javier Lorente López venceu na sección primeira. O segundo posto foi para a Banda de Música Cultural de Teo, e o terceiro para a Banda “Sons e Soños” de Rábade-Begonte-Outeiro.

Banda de Rianxo

Banda de Rianxo

Pola súa banda, a Banda da Escola de Música de Rianxo, baixo a batuta de Rafael Collazo Moares, resultou gañadora na sección segunda, por diante da Banda de Música de Catoira, que rematou en segunda posición, da Banda de Música de Sanxenxo, terceira,  e da Banda de Música “Belas Artes” de Cangas, que ficou fóra do podio. Na sección primeira, a gañadora será recompensada con 2000 €, a segunda recibirá 1200 € e a terceira 700€. Mentres que na sección segunda os premios ascenden a 1800 € para a banda vencedora, 1100 € para a segunda e 600 € para a terceira.

O xurado internacional composto por Laurence Roman, Pilar Jurado e Paulino Pereiro, emitiu os seus veredictos tras valorar afinación, planos sonoros, calidade sonora, técnica, dinámicas, articulación, musicalidade e interpretación xeral da obra, de cada unha das bandas participantes. As 7 bandas interpretaron un pasodobre (non competitivo), unha obra libre e unha obra de carácter obrigatorio: ‘Sinfonietta das Cantigas’ de José Ignacio Blesa lull para as da sección primeira, e ‘As Lúas’ de Juan Pérez Berná para as da segunda. A obra libre defendida pola Unión Musical de Meaño foi ‘Music of the Spheres’, de Philip Sparke, e o pasodobre ‘Brisas del Tea’, de Iñaki Lecumberri. Mentres que a Banda da Escola de Música de Rianxo optou pola ‘Sinfonía nº2 “La passió de Crist”’ de Ferrer Ferrán, e o pasodobre ‘Faustino Rozalén’, de Xosé Carlos Seráns.

Sección terceira
A Lra de Ribadavia

A Lra de Ribadavia

A Lira de Ribadavia, dirixida por Xavier Oliveira venceu na sección terceira en segundo lugar quedou a Unión Musical de Cabral, e completou o podio a Banda de Música de Salvaterra. As outras bandas que deleitaron ao numeroso público asistente foron a Banda de Música de Antas de Ulla (premio á mellor interpretación de temática galega), a Agrupación Musical de Belesar, a Banda de Música de Visantoña, a Banda de Música Popular de Moaña “Airiños do Morrazo” e a Agrupación Músico-Cultural de Ribadumia. O primeiro premio está dotado con 1200 €, o segundo con 800 € e o terceiro con 500 €.

O xurado internacional composto por Paulino Perreiro, Laurence Roman e Pilar Jurado, anunciou o seu veredicto tras valorar afinación, sonoridade, interpretación e técnica de cada unha das bandas participantes. As oito bandas interpretaron un pasodobre, unha obra libre e unha obra de carácter obrigatorio, Olimpo dos Celtas, de Santiago Barreira Davila. A obra libre defendida pola Lira de Ribadavia foi El camino real de Alfreed Reed, e o pasodobre, Soñar en Xirimbao, de Ángel Luis Fernández.

Acto de clausura

Ao rematar o Certame fíxose entrega dos premios ás bandas galardoadas. Durante este acto estiveron presentes o presidente da FGBMP, Armando Morales, o concelleiro de Educación de Santiago de Compostela, Manuel Dios, e o conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia, Román Rodríguez, o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, o Director da Axencia Galega de Industrias Culturais (AGADIC), Jacobo Sutil, e máis o director da SGAE en Galicia Juan Carlos Fernández Fasero. O presidente da FGBMP fixo fincapé no esforzo e os sacrificios que realizan os músicos que forman parte das bandas. Manuel Dios destacou o papel que xogan a familia e a escola na formación de novos músicos. Mentres que Román Rodríguez salientou a labor dos concellos galegos.

Dende a FGBMP retransmitíronse as dúas xornadas de competición vía streaming e a través das redes sociais, nas que centos de cidadáns compartiron o seu amor pola música galega. Péchase así un Certame que por décimo ano consecutivo achegou a música á cidadanía e renovou o seu compromiso coa cultura galega e coa formación de novos músicos.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies
Social media & sharing icons powered by UltimatelySocial