Xuventude Crea na Igrexa da Universidade

0

Compostela, 10 de novembro do 2020 – As obras finalistas no certame Xuventude Crea nas modalidades correspondentes a artes plásticas, así como na especialidade de fotografía, poderán verse na Igrexa da Universidade.

Xuventude Crea é un certame de creadores novos que pretende estimular e apoiar a imaxinación, a creatividade e a innovación, alén de actuar como estímulo económico para a mocidade. A vicerreitora de Igualdade, Cultura e Servizos da USC, Mar Lorenzo Moledo, tomou parte na inauguración da mostra o pasado venres.

Nesta edición de 2020, presentáronse un total de 88 obras na especialidade de fotografía e 61 obras na especialidade de artes plásticas con 41 pinturas e 20 esculturas. De todas as obras presentadas, seleccionáronse como finalistas un total de 32, dezaoito na especialidade de fotografía e catorce na especialidade de artes plásticas.

As fotografías máis catro esculturas e dez pinturas son as que compoñen a mostra que alberga a Igrexa da Universidade. Esta exposición estará aberta ao público, baixo os estritos protocolos de seguridade por mor da COVID-19, ata o vindeiro sábado 21 de novembro, de luns a sábado, en horario de 11.00 a 14.00 horas, en quenda de mañá, e de 17.00 a 20.30 horas, en quenda de tarde.

Gañadores

No transcurso do acto, déronse a coñecer os nomes dos vencedores na edición deste ano. Así, en artes plásticas, o primeiro premio recaeu en Adriana Brantuas Arijón de Santiago de Compostela, coa obra ‘A memoria do baleiro’; o segundo, en María del Mar Ramón Soriano de Ourense, coa obra ‘Desnudo, juego de bolos’; e o terceiro, en Sara Piñeiro Fernández de Lalín, por ‘Pandermia (serie magma, simulacións do corpo ubicuo’, e María López Quiroga de Lugo por ‘Atlas da xeografía cognitiva’. Lois Anxo Cid García recibiu unha mención de honra.

Helena Lafuente González de Bergondo, coa obra ‘O pasado esquecido’, recibiu o primeiro premio na modalidade de fotografía. Cecilia López Prego de Oleiros, coa obra ‘Nihil timeo’ e Eva Antelo Mata de Santa Comba, coa obra ‘Contratempo. Canción triste do nunca habilitado nº2’ recibiron o segundo dos galardóns nesta categoría. Finalmente, o terceiro premio foi compartido por Adrián Vázquez Rodríguez de Lugo con ‘A outra festa’; e Olaya Rodríguez Pérez de Verín con ‘A sombra da utopía’. Sergio Barral Roo e Coral Hermo Calvo foron recoñecidos con mencións de honra dentro desta modalidade. Os premios para cada especialidade son en metálico: 3.000 euros o primeiro premio, 1.500, o segundo e 1.000, o terceiro premio.

O Xuventude Crea a través da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, ante todo quere ser un trampolín para mostrar as propostas da mocidade galega, un escaparate no que o público poida coñecer a estes novos talentos e ás súas obras nun amplo abano de especialidades, e tamén ofrecerlles a oportunidade de dar a coñecer o que fan, actuar como a canle de divulgación das inquietudes artísticas individuais e colectivas da xuventude galega, e fomentar entre os mozos/as actividades de ocio e tempo libre saudable.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies
Social media & sharing icons powered by UltimatelySocial